Experience
No horizonte do ano 1200, Europa experimentou unha revolución cultural e artística que se manifestou en fenómenos como a construción das catedrais, a aparición das universidades, o desenvolvemento das literaturas vernáculas, o florecemento da música profana e a emerxencia da polifonía sacra.
cognition
No corazón das comunidades urbanas que contribuíron a impulsar estes fenómenos atopábanse as catedrais e, no núcleo destas, os coros –espazos “encantados” onde a comunidade reuníase para a interpretación multisensorial do canto litúrxico que marcaba as horas do día e o desenvolvemento estacional do ano–.
Dotados de novas estruturas monumentais durante este período, os coros eran complexas contornas inmersivas nas que se activaban sofisticadas tecnoloxías de educación, cognición e emoción para afectar as vidas de quen interactuaba con eles, moldeando aspectos esenciais da súa aprendizaxe perceptiva, as súas habilidades para a toma de decisións e as súas capacidades para a creación cultural.
technology
KosmoTech_1200 investiga, desde a perspectiva da historia da arte, a musicoloxía, a fenomenoloxía e a neurociencia cognitiva, en particular MET (Material Engagement Theory), o deseño e funcionamento desas contornas históricas, centrándose, como caso de estudo principal, na catedral de Santiago de Compostela e, en concreto, nas estruturas creadas baixo a dirección do mestre Mateo: o nártex occidental, coa súa monumental fachada, e o coro pétreo.
KosmoTech_1200 é un laboratorio multidisciplinar onde se unen a tecnoloxía máis avanzada coa investigación histórico-artística e arqueolóxica de vangarda para producir unha reconstrución dixital destes monumentos únicos na súa tipoloxía que, debido ás transformacións na fábrica da catedral, xa non existen na súa concepción orixinal, activando a súa dimensión de “maquinarias” inmersivas e “organismos” intelixentes deseñados para xerar experiencias cognitivas multisensoriais.